Aplicar operacións múltiplas

Operacións múltiplas en columnas ou filas

A orde Datos - Operacións múltiplas fornece unha ferramenta de planificación para as preguntas «e se...?», ou sexa, hipotéticas. Na folla de cálculo introdúcese unha fórmula para calcular un resultado a partir de valores almacenados noutras celas. Despois configúrase un intervalo de celas no que introducir algúns valores fixos e a orde Operacións múltiplas calcula os resultados dependendo da fórmula.

No campo Fórmulas introduza a referencia de cela á fórmula que se aplica ao intervalo de datos. No campo Cela de entrada de fila/Cela de entrada de columna introduza a referencia da cela á cela correspondente que fai parte da fórmula. Isto explícase mellor con exemplos:

Exemplos

Vostede produce xoguetes que vende a 10 € cada un. Cada xoguete costa 2 € facelo, ademais de que hai custos fixos de 10.000 € por ano. Cantos beneficios se terán nun ano se se vende un número determinado de xoguetes?

área da folla «e se...?»

Calcular con unha fórmula e unha variábel

  1. Para calcular os beneficios introduza primeiro calquera número como cantidade (unidades vendidas), neste exemplo 2.000. Estes beneficios atópanse na fórmula Beneficios=Cantidade * (Prezo de venda - Custos directos) - Custos fixos. Introduza esta fórmula en B5.

  2. Na columna D introduza as vendas anuais dadas, unha por debaixo da outra; por exemplo,500 a 5000 en intervalos de 500.

  3. Seleccione o intervalo D2:E11 e deste xeito os valores da columna D e as celas baleiras ao longo da columna E.

  4. Escolla Datos - Operacións múltiplas.

  5. Co cursor no campo Fórmulas prema na cela B5.

  6. Posicione o cursor no campo Cela de entrada de columna e prema na cela B4. Isto significa que B4, a cantidade, é a variábel na fórmula, que se substitúe polos valores da columna seleccionada.

  7. Peche a caixa de diálogo con Aceptar. Verá os beneficios das diferentes cantidades na columna E.

Calcular con varias fórmulas simultaneamente

  1. Elimine a columna E.

  2. Introduza a fórmula seguinte en C5: B5 / B4. Agora está a calcular os beneficios anuais por unidade vendida.

  3. Seleccione o intervalo D2:F11, ou sexa, tres columnas.

  4. Escolla Datos - Operacións múltiplas.

  5. Co cursor no campo Fórmulas, seleccione as celas da B5 á C5.

  6. Coloque o cursor no campo Cela de entrada de columna e prema na cela B4.

  7. Peche a caixa de diálogo con Aceptar. Verá os beneficios na columna e os beneficios anuais por unidade na columna F.

Operacións múltiplas en filas e columnas

O LibreOffice permite realizar operacións múltiplas conxuntas en columnas e filas nas denominadas táboas cruzadas. A cela coa fórmula tense que referir tanto ao intervalo de datos dispostos en filas como aos dispostos en filas. Seleccione o intervalo definido polos dous intervalos de datos e invoque a caixa de diálogo de operacións múltiplas. Introduza a referencia á fórmula no campo Fórmulas. Os campos Cela de entrada de fila e Cela de entrada de fila empréganse para introducir a referencia ás celas correspondentes da fórmula.

Calcular con dúas variábeis

Considere as columnas A e B da táboa de exemplo anterior. Agora desexa variar non só a cantidade producida anualmente mais tamén o prezo de venda e interésanlle os beneficios en cada caso.

Expanda a táboa anterior. De D2 a D11 están os números 500, 1000 etc., até o 5000. De E1 a H1 introduza os números 8, 10, 15 e 20.

  1. Seleccione o intervalo D1:H11.

  2. Escolla Datos - Operacións múltiplas.

  3. Co cursor no campo Fórmulas prema na cela B5.

  4. Coloque o cursor no campo Cela de entrada de fila e prema na cela B1. Isto significa que B1, o prezo de venda, é a variábel introducida horizontalmente (cos valores 8, 10, 15 e 20).

  5. Coloque o cursor no campo Cela de entrada de columna e prema en B4. Isto significa que B4, a cantidade, é a variábel introducida verticalmente.

  6. Peche a caixa de diálogo con Aceptar. Verá os beneficios dos distintos prezos de venda no intervalo E2:H11.

Precisamos da súa axuda!