Aplicar formato condicional

Ao empregar a orde do menú Formato - Condicional - Condición a caixa de diálogo permite definir condicións por cela, que se deben cumprir para que as celas seleccionadas teñan un formato determinado.

Icona Aviso

Para aplicar o formato condicional o cálculo automático debe estar activado. Escolla Datos - Calcular - Calcular automaticamente (verá unha marca a carón da orde Calcular automaticamente cando esta estea activada).


Co formato condicional pode, por exemplo, realzar os totais que excedan o valor medio de todos os totais. Se os totais cambian o formato cambia en consecuencia, sen ter que aplicar outros estilos manualmente.

Para definir as condicións

  1. Seleccione as celas ás que desexe aplicar un estilo condicional.

  2. Escolla Formato - Condicional - Condición.

  3. Introduza a(s) condición(s) na caixa de diálogo. A caixa de diálogo descríbese en detalle na Axuda do LibreOffice e hai un exemplo aquí abaixo:

Exemplo de formato condicional: Realzar os totais que estean por encima ou por debaixo do valor medio

Paso 1: Xerar os valores numéricos

Imaxine que quere destacar determinados valores das táboas. Por exemplo, nunha táboa de produtividade pode mostrar todos os valores que superen a media en verde e os inferiores en vermello. Isto é posíbel co formato condicional.

  1. En primeiro lugar, cree unha táboa con varios valores diferentes. Para esta proba pode crear táboas con números ao chou:

    Nunha das celas introduza a fórmula =ALEATORIO(), coa que obterá un número ao chou entre 0 e 1. Se quere enteiros entre 0 e 50 introduza a fórmula =ENT(ALEATORIO()*50).

  2. Copie a fórmula para crear unha fila de números aleatorios. Prema no canto inferior dereito da cela seleccionada e arrastre para a dereita até seleccionar o intervalo de celas desexado.

  3. Do mesmo xeito que se describiu arriba, arrastre o canto da cela que está máis á dereita para crear máis filas de números ao chou.

Paso 2: Definir os estilos de cela

O seguinte paso é aplicar un estilo de cela a todos os valores que representen produtividade superior á media e outro aos que estean por debaixo. Asegúrese que a xanela Estilos é visíbel antes de preoseguir.

  1. Prema nunha cela en branco e seleccione a orde Formatar celas no menú de contexto.

  2. Na caixa de diálogo Formatar celas da lapela Fondo prema no botón Cor e seleccione unha cor de fondo. Prema Aceptar.

  3. No panel Estilos da barra lateral prema na icona Novo estilo a partir da selección. Introduza o nome do novo estilo. Para este exemplo, déalle o nome «Arriba»

  4. Para definir un segundo estilo prema de novo nunha cela en branco e proceda como se describiu antes. Asígnelle unha cor de fondo diferente á cela e déalle un nome (neste exemplo, «Abaixo»).

Paso 3: Calcular a media

No noso exemplo específico estamos a calcular a media dos valores aleatorios. O resultado colócase nunha cela:

  1. Coloque o cursor nunha cela en branco, J14, por exemplo, e escolla Inserir - Función.

  2. Seleccione a función MEDIA. Empregue o rato para seleccionar todos os números aleatorios. Se non pode ver o intervalo enteiro porque o asistente de funcións o tapa, pode encoller esta caixa de diálogo temporalmente empregando a icona Encoller.

  3. Peche o asistente de funcións con Aceptar.

Paso 4: Aplicar os estilos de cela

Agora xa pode aplicar o formato condicional á folla:

  1. Seleccione todas as celas que teñen os números ao chou.

  2. Escolla a orde Formato - Condicional - Condición para abrir a caixa de diálogo correspondente.

  3. Defina as condicións deste xeito: Se o valor da cela é inferior a $J$14, formate co estilo de cela «Abaixo» e se o valor da cela é superior ou igual a $J$14 formate co estilo de cela «Arriba».

Paso 5: Copiar o estilo de cela

Para aplicar posteriormente o formato condicional a outras celas:

  1. Prema nunha das celas que recibiu formato condicional.

  2. Copie a cela ao portapapeis.

  3. Seleccione as celas que van recibir este mesmo formato.

  4. Escolla Editar - Pegado especial - Pegado especial. Aparece a caixa de diálogo Pegado especial.

  5. Na área Pegar, prema na caixa Formatos. O resto das caixas deben estar desmarcadas. Prema en Aceptar. No canto disto, tamén pode premer no botón Só formatos.

Precisamos da súa axuda!