Recursos de LibreOffice Writer

LibreOffice Writer permite deseñar e producir documentos de texto que poden incluír imaxes, táboas ou gráficas. Pode gardalos en varios formatos, incluíndo o estandarizado OpenDocument format (ODF), formato Microsoft Word .doc, ou HTML. E pode exportar facilmente o seu documento a Portable Document Format (PDF).

Escribir

LibreOffice Writer permite crear documentos básicos, como memorandos, faxes, cartas, currículos e combinar documentos, así como documentos longos, complexos ou divididos en múltiplas partes, con bibliografías, táboas de referencia e índices.

LibreOffice Writer tamén inclúe características útiles como un corrector ortográfico, un dicionario de sinónimos, autocorrección, e guionización así como un conxunto de modelos para case calquera propósito. Tamén pode crear os seus propios modelos empregando os asistentes.

Deseñar e estruturar

LibreOffice ofrece unha ampla variedade de opcións para deseñar documentos. Utilice a xanela Estilos para crear, asignar e modificar estilos de parágrafos, caracteres individuais, marcos e páxinas. Alén diso, o Navegador axiliza o desprazamento polos documentos, permite ver o documento de forma esquemática e fai un seguimento dos obxectos inseridos.

Tamén pode crear índices e definir a súa estrutura e aparencia segundo as súas necesidades. As hiperligazóns e marcadores animados permiten ir directamente aos elementos correspondentes.

Edición electrónica con LibreOffice Writer

LibreOffice Writer ofrece numerosas ferramentas de edición electrónica e debuxo para axudalo a crear documentos profesionais, como folletos, xornais e convites. Pode formatar os seus documentos con deseños de columnas múltiplas, marcos de texto, imaxes, táboas e outros obxectos.

Cálculos

Os documentos de texto de LibreOffice posúen unha función de cálculo integrada que o axuda a executar cálculos sofisticados ou ligazóns lóxicas. Pode crear facilmente táboas para realizar cálculos.

Crear debuxos

A ferramenta de debuxo de LibreOffice Writer permite crear debuxos, imaxes, lendas e outro tipo de debuxos directamente nos documentos de texto.

Inserir imaxes

Pode inserir deseños con diferentes formatos dentro dun documento de texto, incluíndo imaxes con formato JPG ou GIF. Ademais, a Galería fornece unha colección de imaxes predeseñadas, e a Galería de Fontwork crea efectos de letra impactantes.

Interface de aplicativo flexíbel

A interface do programa está deseñada de modo que poida configurala segundo as súas preferencias, incluíndo a personalización de iconas e menús. Pode dispor varias xanelas de programas, como por exemplo Estilos ou Navegador, como xanelas flotantes en calquera punto da pantalla. Tamén pode ancorar xanelas no bordo do espazo de traballo.

Arrastrar e soltar

O recurso arrastrar e soltar permite traballar de forma rápida e eficiente con documentos de texto en LibreOffice. Por exemplo, pode arrastrar e soltar obxectos, por exemplo imaxes da galería, dun lugar a outro no mesmo documento ou entre documentos abertos de LibreOffice.

Funcións da Axuda

Pode utilizar o sistema de Axuda como referencia completa para os aplicativos de LibreOffice, incluíndo instrucións tanto para tarefas simples como complexas.